Riotorto no tempo

Villada

Manuel Villada García, naceu en Carboeiro, na parroquia de Espasande de Baixo, no mes de maio de 1926. Fillo de labregos, quedou orfo de nai ós dous anos de idade. A súa infancia e adolescencia transcorreron no seu concello natal, apenas foi á escola e ó longo da súa vida tivo diversas ocupacións, en función das oportunidades de traballo que existían no seu entorno, tales como as de labrador, afiador de fouciños nas moas da localidade, canteiro, albanel e tamén fontaneiro.

Pero a súa actividade principal, e que desenvolveu durante máis tempo foi a de fotógrafo: posuía a calificación ou autorización de “fotógrafo ambulante”. Iniciouse na fotografía á idade de 19 anos; aprendeu a retratar con Bernardino Barreiro e a revelar as súas propias fotos con Grandío de Lugo. Todo isto aconteceu alá por mediados e finais dos anos 40.

A súa actividade foi a propia dun fotógrafo rural: fotos de carné de identidade, para os pasaportes dos emigrantes, fotos de vodas, enterros, estampas da vida rural e sobre todo, asistencias a festas, nas que a xente adoitaba retratarse para ter un recordo. Estas fotos realizábanse en tiras de tres, o que permitía envialas aos familiares ou amigos que vivían lonxe, pois daquela non existían as posibilidades de viaxar ou falar por teléfono que existen hoxe en día.

Outra actividade consistía no que se chamaban as "ampliacións", das que case se facía unha por familia. Nelas incluíanse a todos os membros, mesmo os mortos e ausentes empregando fotos vellas. As ampliacións encargábanse a centros especializados, que mediante as fotos que se lles enviaban compoñían un cadro retocado, no que a xente saía moi favorecida, perfectamente peiteados e con gravata. A "ampliación" xeralmente presidía o comedor da casa -aínda o segue a presidir hoxe en día en moitas delas- e era considerado como algo especial.

Cando se xeneralizou a fotografía a cor, adaptouse rapidamente, pero deixou de revelar no seu laboratorio de branco e negro e o revelado pasou a facerse fóra. A súa actividade como fotógrafo foi esmorecendo a mediados dos anos 90 e cesou totalmente coa entrada do novo século, logo de sufrir algunha enfermidade. Faleceu o día 10 de xaneiro de 2011, á idade de 84 anos, en Fomiñá (A Pastoriza), na casa do seu fillo Eloi, onde vivía desde facía algún tempo